Máis de vinte camiños de Narón renovan o seu firme
Sabela Arredondo García | 11/09/2026

Máis dunha vintena de camiños municipais de Narón están a ser renovados a través de tres actuacións que suman un investimento de 763.956,11 euros. Os traballos repártense por diferentes parroquias e inclúen a repavimentación, reparación das zonas deterioradas e colocación de novas capas de rodadura.
Un dos proxectos abrangue os camiños de Cerdeiras, Capilla da O, Ruxida, Río Seco, Carballal e Lodairo, empregados como vías de comunicación entre diferentes núcleos. Os traballos buscan regularizar os bordos e renovar o firme mediante unha nova capa de mestura bituminosa. Esta intervención conta cun orzamento de 226.062,33 euros e un prazo previsto de catro meses.
Outra das actuacións céntrase nos camiños de Ferrerías e Corredoira, na rúa San Pedro e na rúa de Soria, onde se rexistraron fisuras e deformacións tras recentes obras na rede de saneamento. Neste último vial tamén se retirará o adoquinado dun dos treitos para proceder posteriormente á súa reposición. O investimento ascende a 111.227,31 euros, cun prazo de execución de tres meses.
A intervención de maior contía destina 426.666,47 euros á renovación de quince viais distribuídos entre Pedroso, Sedes, Castro, O Val, San Xiao, San Mateo e O Couto. Entre eles atópanse Bazón, Borreiros, Borrallada, Redondo e o camiño das Murallas.
Durante os traballos nestes quince viais realizarase a regularización dos bordos e colocaranse novas capas de rodadura. Algúns dos camiños xa foran reparados en varias ocasións e outros presentan danos relacionados con obras de saneamento realizadas nos seus cruzamentos. O prazo previsto para completar esta parte do proxecto é de catro meses.