Ferrol y ComarcaNarón

Narón destina 1,64 millóns a oito melloras no municipio

Sabela Arredondo García | 17/09/2026

Saneamento, accesibilidade, pavimentación e eficiencia enerxética centran os oito proxectos aprobados polo Pleno de Narón para optar á segunda fase do POS+ Adicional 2/2026. En conxunto, as actuacións alcanzan un orzamento de 1.642.143,24 euros, dos que se solicita financiar 1.637.846,44 euros a través do plan provincial.

A partida máis elevada, de 682.792,39 euros, permitirá renovar a capa de aglomerado dunha trintena de rúas e camiños. Entre os viais incluídos atópanse Garda, Río Seco-Lagoas, Colmeote, Irmáns Pita, Bimbieiro, Cataluña e Clara Campoamor.

Outro dos investimentos previstos céntrase no Centro de Maiores Manuela Pérez Sequeiros, onde se destinarán 291.832,11 euros á reparación da cuberta para solucionar as filtracións de auga.

Mellorar a accesibilidade en diferentes puntos do municipio contará con outras dúas actuacións. Unha delas, valorada en 172.221,64 euros, afectará ás rúas Torrente Ballester, Cardenal Quiroga e Manuel Murguía, entre outras, mentres que a adecuación da beirarrúa da rúa Cerrallón de Arriba disporá de 71.984,45 euros.

En Sedes está previsto executar un proxecto de saneamento en Salgueiral, cun orzamento de 106.112,74 euros. A relación de investimentos inclúe tamén a reparación do muro de contención no acceso ao Muíño das Aceas, por 108.812,76 euros.

Dentro das actuacións relacionadas coa eficiencia enerxética figuran unha instalación fotovoltaica para autoconsumo no Pavillón da Gándara, cun investimento de 112.888,78 euros, e a adquisición de luminarias LED para o alumeado da estrada de Castela, por 95.498,37 euros.

Os proxectos deberán recibir agora a aprobación definitiva da Deputación da Coruña antes de que o Concello poida asumir a súa contratación e execución.

Durante a sesión extraordinaria tamén se aprobou unha modificación da Relación de Postos de Traballo e do cadro de persoal municipal de 2026, vinculada á posterior modificación de crédito necesaria para dotar economicamente as novas prazas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *