O galego tamén se fala e se publica: unha iniciativa para os negocios de Narón
Andrea García García | 11/10/2026

Os comercios de Narón teñen unha nova oportunidade para incorporar o galego á atención á clientela e ás publicacións nas redes sociais. A iniciativa «En que podo axudarche?» propón dous retos entre o 25 de outubro e o 11 de novembro, con apoio lingüístico para os negocios que o precisen.
Esta campaña forma parte do programa «Narón gaña co galego», impulsado polas áreas municipais de Promoción Económica e Política Lingüística a través do Servizo de Normalización Lingüística.
O primeiro reto consiste en atender inicialmente en galego e manter a lingua mentres a clientela non indique que prefire outra. O segundo pasa por publicar contidos en galego nas redes sociais do establecemento. Para resolver dúbidas ou revisar textos, os negocios poden recorrer ao Servizo de Normalización Lingüística.