Ares Solidario recibe a «Bandera de la Paz» polo seu labor solidario
Sabela Arredondo García | 31/07/2026
O colectivo Ares Solidario recibiu a «Bandera de la Paz», unha distinción concedida pola Fundación Mil Milenios de Paz en recoñecemento ao seu compromiso coas iniciativas solidarias desenvolvidas na vila durante os últimos anos.
O acto de entrega celebrouse no salón de plenos do Concello de Ares e reuniu a integrantes do grupo veciñal, representantes da fundación e entidades que colaboraron nas diferentes campañas impulsadas polo colectivo.
Tras recibir o galardón, Ares Solidario entregou simbolicamente a bandeira ao Concello para a súa custodia, como mostra de que este recoñecemento representa o compromiso solidario da veciñanza de Ares.
Ao longo da última década, o colectivo promoveu actividades como a Noite Branca Solidaria, a Feira Rociera Solidaria, as Chocolatadas Solidarias ou o Magosto Solidario, iniciativas destinadas a apoiar entidades como Cáritas, a Asociación Española Contra o Cancro e outras causas benéficas.
A Fundación Mil Milenios de Paz, creada en 1995, impulsa proxectos internacionais relacionados coa cultura da paz, a solidariedade e a cooperación social.