Narón busca equipos para o Club de Debate Alingua
Sabela Arredondo García| 01/10/2026
O alumnado de Narón interesado na oratoria e no debate xa pode formar equipo para participar na nova edición do Club de Debate Alingua. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 20 de novembro.
A iniciativa está dirixida a estudantes de 3º e 4º da ESO, 1º de bacharelato e ciclos formativos, sempre que teñan un máximo de 18 anos. Cada equipo deberá estar integrado por entre 4 e 10 participantes e contar cunha persoa preparadora, que poderá ser docente ou persoal de administración e servizos.
Durante a competición, os participantes terán que defender tanto unha postura favorable como unha contraria sobre un mesmo tema. Deste xeito, cada equipo deberá preparar argumentos para os dous puntos de vista antes de coñecer cal lle corresponde defender en cada debate.
Antes da competición celebrarase unha formación de catro horas en habilidades comunicativas para os equipos inscritos. O calendario provisional sitúa esta preparación entre o 12 e o 15 de xaneiro, mentres que as fases clasificatorias están previstas entre o 22 e o 26 de febreiro de 2027. A final celebrarase o 24 de abril.
Premios e inscrición
Nas fases clasificatorias, o equipo gañador recibirá 800 euros e o segundo clasificado, 500 euros. Os dous mellores equipos da final obterán como premio unha viaxe multiaventura dunha fin de semana, prevista para os días 15 e 16 de maio.
A competición busca tamén fomentar o uso oral do galego entre a mocidade e crear espazos nos que estudantes de diferentes centros poidan practicar a lingua fóra das aulas.
Para participar é necesario cubrir e asinar a ficha de inscrición e enviala ao Servizo de Normalización Lingüística de Narón a través do correo a.pita@naron.gal.
As persoas que necesiten máis información poden contactar no 981 337 700 (extensión 1516).