Narón suma 967 persoas nas actividades de envellecemento activo
Sabela Arredondo García| 01/10/2026
Un total de 967 persoas participan este curso en 70 talleres dos programas municipais de Envellecemento activo e Comunitario ou Interxeracional de Narón. A programación, que coincide estes días coa conmemoración do Día Internacional das Persoas Maiores, aínda mantén prazas dispoñibles nalgunhas actividades.
Os talleres comezaron o pasado 1 de setembro e continuarán ata o 30 de xuño de 2027. As actividades desenvólvense tanto no Centro Comunitario Municipal Manuela Pérez Sequeiros como en locais sociais de Piñeiros, Pedroso, A Solaina, San Xiao, San Mateo, Freixeiro, O Val, Sedes, Alto do Castaño, Doso e Xuvia.
Para as persoas maiores de 60 anos, o programa de Envellecemento activo ofrece propostas como vida en movemento, ximnasia rehabilitadora, informática, memoria, lectoescritura, enredar e cancións de animación. Nas parroquias tamén se imparten labores e pintura.
Outra parte da programación corresponde ao programa Comunitario ou Interxeracional, aberto a persoas de todas as idades. Neste caso inclúense actividades como pilates, ioga, ximnasia musical, baile latino, informática, redes sociais, uso do móbil intelixente, inglés, cantos de taberna ou stretching, entre outras.
Aínda quedan prazas en 15 grupos
Actualmente existen vacantes en 15 grupos, entre eles manualidades, acompañando, informática, informática avanzada, ximnasia rehabilitadora, vida en movemento, memoria, uso do móbil intelixente, bailes de animación, stretching, pelvic training, pilates, inglés, ioga e cantos de taberna.
Tamén permanece aberta a lista de agarda para cubrir as vacantes que poidan producirse ao longo do curso.
Quen queira consultar a dispoñibilidade ou solicitar máis información pode acudir ao Centro Comunitario Municipal Manuela Pérez Sequeiros os luns, mércores e venres, de 8:30 a 14:00 horas, ou contactar a través dos teléfonos 981 102 152 e 671 383 575.
Coincidindo coa celebración do Día Internacional das Persoas Maiores, as agrupacións do centro comunitario celebrarán ademais este venres, 2 de outubro, unha festa do Día dos Maiores.