Bombeiros de Narón participan nun simulacro marítimo nacional
Sabela Arredondo García| 01/10/2026
Un incendio simulado nun vehículo eléctrico no interior dun buque puxo a proba a coordinación dos bombeiros de Narón con diferentes servizos de emerxencias durante o Polex 2026, un exercicio nacional celebrado en Vigo.
O simulacro de emerxencias marítimas reuniu durante tres xornadas a diferentes corpos de intervención para practicar a resposta ante sinistros complexos no mar e en zonas portuarias.
Os efectivos do SPEIS de Narón participaron nun dos exercicios prácticos, que recreaba un incendio nun vehículo eléctrico situado no interior dun buque dedicado ao transporte de coches.
A simulación comezou coa detección do lume e unha primeira intervención por parte da tripulación. Posteriormente, un helicóptero Helimer trasladou ata o buque un equipo de bombeiros de Tarragona encargado de realizar unha primeira valoración.
Un segundo equipo de bombeiros accedeu á embarcación por mar, obrigando a coordinar diferentes medios durante o desenvolvemento da intervención.
No exercicio participaron Salvamento Marítimo, Gardacostas, Garda Civil, Policía Portuaria, 112 e bombeiros de Narón, Tarragona e Ferrol.
O Polex 2026 está organizado por Salvamento Marítimo e busca practicar os protocolos de actuación e a coordinación entre os diferentes servizos que poden verse implicados nunha emerxencia marítima