AresFerrol y Comarca

Menos residuos, máis creatividade: Ares organiza obradoiros de upcycling téxtil

Andrea García García | 11/10/2026

Reparar un botón, axustar un baixo ou aprender a facer as primeiras puntadas pode evitar que unha peza de roupa acabe no lixo antes de tempo. Con esa idea, o Concello de Ares organiza en outubro tres obradoiros de iniciación á costura e reparación téxtil, dirixidos a persoas que queiran adquirir habilidades prácticas e aproveitar mellor o que xa teñen no armario.

A programación comeza o venres 16 de outubro, de 11:00 a 13:30 horas, coa sesión «Primeiros pasos na costura». As persoas participantes coñecerán as ferramentas básicas, aprenderán a enfiar unha agulla e practicarán técnicas como o hilván, o punto atrás e o sobrehilado. Ao rematar, cada unha terá un mostrario de puntadas para consultar cando o necesite.

O xoves 29 de outubro haberá dúas sesións. Pola mañá, de 11:00 a 13:30 horas, «Aprende a reparar» ensinará a coser distintos tipos de botóns, colocar corchetes e reforzar costuras. Pola tarde, de 16:00 a 18:30 horas, «Baixos e acabados» abordará a toma de medidas, o marcado, o alfinetado e a realización de baixos sinxelos e invisibles, con técnicas específicas para tecidos vaqueiros. Neste último obradoiro, cada participante traballará cunha peza propia.

A proposta busca fomentar a reutilización téxtil e o consumo responsable, apostando por reparar e adaptar a roupa antes de desbotala. Estas actuacións están orientadas a mellorar a eficiencia na xestión dos residuos municipais e contan con cofinanciamento da Unión Europea a través do programa Galicia Feder 2021-2027.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *