Un duelo de cinema para celebrar 50 proxeccións en Narón
Andrea García García | 11/10/2026

O Cineclube Serie B Cidade de Narón celebrará a súa proxección número 50 cunha película emblemática da historia do cinema: El bueno, el feo y el malo, dirixida por Sergio Leone. A sesión especial terá lugar o mércores 14 de outubro, ás 19:00 horas, no Pazo da Cultura de Narón, con entrada de balde.
Estreada en 1966, a película cumpre seis décadas en 2026 e continúa sendo un dos grandes referentes do western. Protagonizada por Clint Eastwood, Eli Wallach e Lee Van Cleef, destaca tamén pola banda sonora de Ennio Morricone e polo duelo final, rodado no cemiterio de Sad Hill, en Burgos. Outras escenas filmáronse en lugares como Almería, polo que parte da paisaxe española quedou ligada á historia do filme.
Segundo Alberto Pena, director do cineclube, a elección responde ao vínculo que os membros do colectivo manteñen coa película, considerada unha das súas favoritas. A sesión tamén servirá para render homenaxe a Clint Eastwood, actor e director que cumpriu 96 anos en maio.
Pena destaca que o filme continúa pasando de xeración en xeración e que poder velo nunha pantalla grande tantos anos despois é motivo de ilusión para o colectivo. O equipo do cineclube visitou hai anos o cemiterio de Sad Hill, recuperado e conservado por persoas voluntarias, unha experiencia que recomenda a quen teña interese na película.