Ferrol y ComarcaNarón

Narón abre este xoves as inscricións nas actividades deportivas

Sabela Arredondo García | 09/09/2026

Natación, ioga, pilates, musculación ou ximnasia de mantemento forman parte da oferta deportiva municipal de Narón para o curso 2026/27, cuxo prazo de inscrición para novas altas abrirá este xoves 10 de setembro.

As persoas titulares do bono familiar e a veciñanza de Narón poderán solicitar praza do 10 ao 30 de setembro, entre as 8:30 e as 13:00 horas, nas oficinas do Complexo Polideportivo Municipal da Gándara. Para residentes noutros concellos, as inscricións abrirán máis tarde, do 23 ao 30 de setembro.

Dentro da oferta atópanse as escolas deportivas do complexo da Gándara, as actividades desenvolvidas nos locais sociais de San Xiao, San Mateo, Pedroso e Freixeiro e as propostas da piscina municipal. Tenis de mesa, remo e xadrez, pertencentes ás escolas deportivas exteriores, seguirán os mesmos prazos de matrícula.

Quen xa estivese inscrito nalgunha destas actividades en xuño de 2026 terá reservada a súa praza e non necesitará tramitar unha nova alta. No caso das persoas que se incorporasen por primeira vez ese mes, será necesario ter presentada a domiciliación bancaria para que a reserva sexa efectiva.

Para aqueles usuarios que teñan unha praza reservada pero non desexen continuar, o prazo para solicitar a baixa permanecerá aberto ata o 14 de setembro. O trámite poderá realizarse no Rexistro Xeral, no rexistro auxiliar de Deportes do complexo da Gándara ou a través da sede electrónica municipal.

Todas as escolas deportivas municipais comezarán o 1 de outubro.

Disciplinas como atletismo, balonmán, tiro con arco, fútbol, fútbol sala, baloncesto, piragüismo, golf, kick boxing, voleibol, ximnasia rítmica, patinaxe artística ou hóckey contan cun sistema de inscrición propio a través dos respectivos clubs, polo que non se tramitan mediante este proceso municipal.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *