Un certificado profesional con prácticas en empresa busca alumnado
Andrea García García | 13/07/2026
As persoas desempregadas interesadas en obter un certificado profesional de Montaxe de Mobles e Elementos de Carpintería (MAMR0108) aínda poden optar a unha das 15 prazas dispoñibles na acción formativa que se impartirá no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara.
O curso, financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ten unha duración de 538 horas e desenvolverase en modalidade presencial, en horario de mañá, con cinco horas lectivas diarias. A formación comezará o 21 de xullo e rematará o 21 de decembro de 2026.
O programa inclúe prácticas en empresa e un curso homologado de prevención de riscos laborais de 60 horas para o sector da construción.
Ao tratarse dun certificado de nivel 2, é necesario estar inscrito como persoa demandante de emprego e contar coa titulación requirida, como a ESO, as Competencias Clave de Nivel 2 ou outra equivalente.
As persoas interesadas deberán acudir o luns 13 de xullo, desde as 8:00 horas, ao Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz coa documentación académica correspondente para participar no proceso de selección.
Para máis información pódese contactar nos teléfonos 981 333 135 e 981 337 700 (extensión 1123) ou escribir ao correo electrónico a.lagoa@naron.gal, aínda que se recomenda acudir directamente ao centro.