Narón volverá acoller unha das citas destacadas do trail galego
Andrea García García | 13/07/2026

O domingo 13 de setembro celebrarase a quinta edición do Trail Costa Ártabra, unha cita organizada polo Padroado de Deportes do Concello de Narón e a Asociación Deportiva Cultural Bombeiros de Narón. O prazo de inscrición xa está aberto a través da web de 321Go.
A proba conta coa cualificación UTMB Index, que permite sumar puntos para a final das UTMB World Series, en Chamonix (Francia), e tamén puntúa para a Super Liga Galega de Trail e Carreiras por Montaña.
A xornada ofrecerá catro modalidades con saída e meta nas inmediacións da Cooperativa do Val:
• Trail longo: 27 quilómetros, 1.500 metros de desnivel positivo (8:45 horas).
• Andaina longa: 13,5 quilómetros (9:15 horas).
• Trail curto: 14 quilómetros, 700 metros de desnivel positivo (10:00 horas).
• Andaina curta: 8 quilómetros (10:05 horas).
Entre as novidades desta edición destaca unha churrascada gratuíta para as persoas participantes, coa posibilidade de que tamén se anoten os acompañantes. A programación completarase con animación musical, actividades infantís e, por primeira vez, avituallamento para as mascotas que participen nas modalidades de andaina.
O percorrido permitirá descubrir espazos naturais como a Pena Lopesa, Pena Molexa, os cantís do Val e praias como Lopesa, Hortiña e Casal.
As bases da proba e o formulario de inscrición xa poden consultarse na páxina web: https://www.321go.es/Carrera/Detail/553-vtrailcostaartabra2026