Ferrol y ComarcaNarónUncategorized

Mercado Medieval, folclore, deporte ecuestre e gastronomía protagonizan a fin de semana en Narón.

Sabela Arredondo García | 16/07/2026

Narón afronta unha intensa fin de semana na que historia, música, deporte e gastronomía compartirán protagonismo en distintos puntos do municipio. O Mercado Medieval, o Festival Internacional de Folclore, a II Carreira Andadura Cidade de Narón e a Festa do Pemento do Couto centrarán a programación dos próximos días.

O primeiro en abrir será o Mercado Medieval, que desde este xoves 16 de xullo transformará o Parque do Río Freixeiro nun escenario ambientado na Idade Media. Durante catro días haberá postos de artesanía, demostracións de antigos oficios, obradoiros, campamento medieval, animación de rúa e espectáculos protagonizados por diferentes compañías.

Xa o sábado 18, o Polígono do Río do Pozo acollerá a II Carreira Andadura Cidade de Narón, unha cita dedicada ao mundo ecuestre que comezará ás 9:30 horas e incluirá probas de andadura, concurso de estampa e beleza, paseo infantil e premios para distintas categorías.

Esa mesma xornada, o Parque do Río Freixeiro converterase tamén no escenario da XXXV edición do Festival Internacional de Folclore, que reunirá agrupacións procedentes de Galicia, Asturias, Comunidade Valenciana, Serbia e México. O programa arrancará cun pasarrúas desde o Pazo da Cultura e continuará polas actuacións previstas no parque.

O domingo será a quenda da XXVI Festa do Pemento do Couto, unha das citas gastronómicas máis tradicionais do verán naronés. A programación incluirá unha demostración culinaria da chef Cris Tizón, o pregón do xornalista e escritor Ramón Loureiro, un xantar popular, xogos tradicionais, Cantos de Taberna e unha sesión de baile para pechar a celebración.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *