Aprender bioloxía sementando o futuro.
Andrea García García | 17/07/2026

Preto de 80 carballos autóctonos cultivados por alumnado de 1º da ESO do Colexio Jorge Juan, en Xuvia, serán transplantados na próxima primavera a diferentes zonas verdes de Narón, principalmente ao Paseo de Xuvia.
As árbores forman parte dun Proxecto Competencial desenvolvido durante o curso na materia de Bioloxía. As landras, recollidas dun carballo do propio centro, foron postas a xerminar e coidadas durante varios meses por 25 alumnos e alumnas, que seguiron todo o proceso ata conseguir exemplares preparados para a súa plantación.
A iniciativa permitiu achegar ao alumnado ao ciclo completo dunha especie autóctona, combinando aprendizaxe práctica e educación ambiental mediante o seguimento do crecemento das plantas desde a xerminación.
Os exemplares foron entregados ao Concello, que se encargará da súa conservación ata o momento da plantación. Será o propio alumnado quen participe no transplante durante a primavera, contribuíndo á reforestación de espazos públicos con especies autóctonas.
O proxecto busca fomentar o coñecemento da contorna natural e implicar ás novas xeracións no coidado e conservación do patrimonio ambiental.