Ares acollerá unhas xornadas sobre alta sensibilidade e autocuidado
Sabela Arredondo García| 02/09/2026
Profesionais de distintos puntos de España reuniranse en Ares do 15 ao 17 de outubro con motivo das III Xornadas de Autocoidado para Profesionais Altamente Sensibles, unha iniciativa centrada no benestar de persoas que desenvolven o seu traballo en ámbitos cunha elevada carga emocional.
O encontro celebrarase principalmente no salón de actos da Biblioteca Municipal de Ares e abordará cuestións relacionadas co autocoidado, o autoconcepto, o talento ou a integración da alta sensibilidade na vida persoal e profesional.
Docentes, profesionais da sanidade, psicólogos, terapeutas, persoas dedicadas aos coidados, á atención ao público, á arte ou ao emprendemento forman parte dos perfís aos que se dirixe a proposta. A organización parte da relación entre determinadas profesións de acompañamento e o risco de experimentar esgotamento profesional ou fatiga por compaixón, prestando especial atención ás necesidades das persoas altamente sensibles.
Sensibilidade masculina, unha das novidades
Entre os temas incorporados nesta terceira edición figura a sensibilidade masculina e as novas masculinidades. O arquitecto e terapeuta Gestalt Senén Rodríguez-Carrera impartirá o venres 16 a charla A sensibilidade masculina nun mundo que nos pide dureza, arredor da experiencia dos homes sensibles en contextos nos que tradicionalmente se premiou a resistencia ou a desconexión emocional.
O programa comezará o xoves 15 de outubro cunha mesa redonda de entrada libre sobre autocoidado e talento, organizada en colaboración coa Asociación Galega de Alta Sensibilidade (AGALAS). Durante o venres concentraranse boa parte das charlas e obradoiros, con contidos sobre autoconcepto, fortalezas persoais, vida cotiá ou a experiencia dos docentes altamente sensibles.
Para a última xornada, o sábado 17, a actividade trasladarase ao exterior cun percorrido a pé pola costa de Ares e un aperitivo, incorporando o propio entorno da vila á programación.
Organizadas por Concha Tejada, mentora, autora e comunicadora especializada en alta sensibilidade, as xornadas celebran este ano a súa terceira edición e contan coa colaboración de AGALAS e do Concello de Ares.
As prazas son limitadas e a entrada ten un prezo de 55 euros. O programa completo e as inscricións poden consultarse na web da organización. https://conchatejadaproject.com/