Ferrol y ComarcaNarón

Narón oferta 20 prazas para formarse en carretillas e plataformas elevadoras

Sabela Arredondo García| 22/08/2026

Vinte persoas poderán participar en Narón nun curso de operador de carretillas e plataformas elevadoras móbiles de persoal (PEMP) con certificación UNE, que se impartirá en dúas edicións durante os meses de setembro e outubro.

Cada quenda contará con 10 prazas e 50 horas de formación no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara. A primeira desenvolverase do 14 ao 29 de setembro, mentres que a segunda terá lugar do 30 de setembro ao 16 de outubro. En ambos os casos, as clases serán de luns a venres, entre as 9:00 e as 14:00 horas.

Dentro do programa inclúense 20 horas de formación como operador de carretilla elevadora UNE 58451 e outras 15 horas para plataformas elevadoras móbiles de persoal UNE 58923. Os participantes recibirán tamén formación sobre orientación laboral e busca de emprego, igualdade de oportunidades, prevención de riscos laborais e medio ambiente no sector naval, ademais de charlas e visitas.

As inscricións abrirán o 1 de setembro ás 8:30 horas e poderán presentarse ata o 7 de setembro ás 13:00 horas. A selección realizarase por rigorosa orde de inscrición e reservarase un 20 % das prazas para persoas derivadas do Servizo Sociocomunitario.

Para acceder será necesario ter cumpridos os 18 anos ao comezo do curso, estar en situación de desemprego e figurar no padrón de Narón. No caso de quedar prazas vacantes, tamén poderán participar persoas desempregadas doutros municipios.

As solicitudes poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello, a través da Sede Electrónica ou mediante os restantes medios admitidos pola normativa. As bases completas están dispoñibles na sección de Información Pública – Formación da Sede Electrónica e tamén se pode solicitar información no teléfono 981 33 31 35.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *