Narón abre as axudas de 60 euros para agasallos de Nadal
Sabela Arredondo García| 28/09/2026
As familias de Narón con menores ao seu cargo e que cumpran os requisitos económicos poden solicitar desde este luns, 28 de setembro, as axudas municipais para a compra de agasallos de Nadal. Cada menor beneficiario recibirá un vale de 60 euros.
A convocatoria está dirixida a persoas empadroadas en Narón cunha antigüidade mínima de seis meses e con fillos ou fillas ao seu cargo que teñan entre 0 e 16 anos a 31 de decembro de 2026.
Para acceder ás axudas, os ingresos anuais da unidade de convivencia non poderán superar os límites establecidos en función do número de membros e tomando como referencia o IPREM anual vixente.
Os vales permitirán adquirir xoguetes, libros, roupa, calzado, artigos deportivos, material didáctico, instrumentos musicais ou material informático. Non poderán empregarse para comprar alimentos nin produtos de limpeza ou hixiene.
Cada vale deberá utilizarse nun único establecemento comercial de Narón que acepte este sistema de pagamento. A súa entrega realizarase a partir do primeiro día hábil de 2027.
Solicitudes ata o 19 de outubro
O prazo permanecerá aberto desde o 28 de setembro ata o 19 de outubro, ambos incluídos. As solicitudes poden presentarse a través da sede electrónica do Concello de Narón, no Rexistro Xeral municipal ou mediante os demais procedementos legalmente previstos.
Entre a documentación requirida figuran os DNI dos membros maiores de idade da unidade de convivencia, o libro de familia ou certificados de nacemento, documentación relativa aos ingresos e un resumo dos movementos bancarios dos últimos seis meses.
As persoas que perciban a RISGA ou o Ingreso Mínimo Vital (IMV) estarán exentas de presentar parte da documentación sempre que acrediten esta circunstancia na solicitude.
A convocatoria conta cun máximo de 15.000 euros, con cargo ao orzamento municipal de 2027, e a concesión das axudas quedará condicionada á existencia de crédito suficiente.