Conta atrás para unha das grandes citas do atletismo en Ares.
Andrea García García | 18/07/2026

A XXXIV Milla Urbana Concello de Ares celebrarase o sábado 8 de agosto, a partir das 11:00 horas, con saída na Praza da Igrexa e percorrido polo paseo marítimo. A proba forma parte do calendario da Federación Galega de Atletismo e do XII Circuíto de Carreiras da Deputación da Coruña.
A competición manterá o seu carácter interxeracional, con categorías que abranguen desde a infancia ata máster. O circuíto será totalmente chan, cun trazado de ida e volta adaptado ás distancias de cada categoría.
As probas irán desde os 50 metros da categoría prebiberón ata os 1.600 metros das categorías superiores.
Na categoría prebenxamín e inferiores, todas as persoas participantes recibirán unha medalla e non haberá clasificación oficial. Desde benxamín ata máster 4, entregarase medalla aos tres primeiros clasificados e clasificadas de cada categoría. Ademais, haberá trofeo para a persoa gañadora absoluta, así como para o corredor ou corredora máis nova e máis veterana.
As inscricións poden realizarse a través da web Carreiras Galegas ata o domingo 2 de agosto ás 23:59 horas. A participación será gratuíta ata categoría cadete e terá un custo de 3 euros desde xúnior ata máster 4.
Os dorsais poderán recollerse o 6 e 7 de agosto, de 9:00 a 13:00 horas, na Alianza Aresana, ou o propio 8 de agosto no mesmo lugar ata media hora antes do inicio de cada carreira. A organización lembra que non se admitirán inscricións o día da proba. Ligazón para inscribirse: https://www.carreirasgalegas.com/events/xxxiv-milla-urbana-concello-de-ares/ojQMQzjx