Ciencia, primeiros auxilios e circo para familias en Narón
Sabela Arredondo García| 01/10/2026
Experimentos científicos, técnicas de primeiros auxilios e xogos de circo protagonizarán este outono tres sábados de actividades familiares en Narón. O Proxecto Guizo regresa cunha programación gratuíta pensada para nenas e nenos de 6 a 12 anos e as súas familias.
Todas as citas terán lugar ás 11:00 horas no Centro Cívico Social do Couto, cunha proposta diferente en outubro e dúas durante novembro. O galego será a lingua empregada nas actividades, que combinan aprendizaxe e lecer.
«A maxia da ciencia» abrirá a programación o 10 de outubro. Da man de Arenaria, as familias experimentarán con diferentes fenómenos físicos e químicos para descubrir, entre outras curiosidades, como os zapateiros poden camiñar sobre a auga ou que hai detrás dalgúns efectos que parecen maxia.
Primeiros auxilios na montaña tomarán o relevo o 7 de novembro. Persoal do SPEIS de Narón ensinará de maneira práctica como actuar ante golpes, feridas, fracturas, torceduras, golpes de calor, picaduras ou mordeduras durante unha saída pola natureza.
Circo e xogo pecharán as actividades o 21 de novembro con Os Picos do Sol. Pratos chineses, diábolos, malabares, zancos, monociclo e cable de equilibrio serán algunhas das técnicas que poderán probar pequenos e adultos.
Participar nas actividades é gratuíto, pero require inscrición previa no correo a.pita@naron.gal. Na mensaxe deben constar a actividade elixida, o nome e idade do menor, o nome da persoa acompañante, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto.