Cando un selo conta unha historia: Ares recupera a memoria da emigración a través da filatelia.
Andrea García García | 28/07/2026

Selos, cartas, postais e documentos de embarque serán os protagonistas dunha nova proposta cultural arredor da emigración galega e dos vínculos entre Galicia e América. A iniciativa enmárcase na programación previa do IX Ares Indiano.
O vindeiro 5 de agosto, ás 12:00 horas, a Alianza Aresana acollerá a presentación dun selo de Correos e un mataselos conmemorativo desta edición do evento, nunha actividade que conta coa colaboración da Federación Galega de Sociedades Filatélicas, con sede na Coruña.
A xornada incluirá tamén a apertura da exposición «Selos e máis: memoria da emigración», que poderá visitarse no vestíbulo da Alianza Aresana ata o 14 de agosto.
A mostra estará dividida en tres bloques. O primeiro reunirá unha selección de filatelia cubana, con selos de finais do século XIX e principios do XX. O segundo achegarase á Galicia do século XIX e á correspondencia mantida con Cuba, a través de cartas entre ambos territorios. Por último, unha terceira sección reunirá postais, documentos de embarque e outros materiais relacionados coa emigración galega a América.
A proposta busca achegar outra perspectiva sobre o fenómeno migratorio, recuperando a memoria que agochan pequenos obxectos como selos, sobres, cartas e postais e as historias que se agochan detrás deles.
O cartel da actividade está asinado pola creadora aresá Miriam Fernández, autora dunha ilustración a lapis inspirada na estética indiana, as viaxes transoceánicas e a correspondencia como símbolo da memoria emigrante.
A presentación do selo e do mataselos, xunto coa exposición filatélica, formará parte da programación cultural vinculada ao IX Ares Indiano.