Ferrol y ComarcaNarón

Unha tempada con nomes propios e novas historias sobre o escenario.

Andrea García García | 27/07/2026

O Pazo da Cultura de Narón xa ten preparada a programación para os meses de setembro a decembro, cun total de 18 propostas que percorrerán diferentes linguaxes escénicas e musicais. As entradas xa están dispoñibles a través da web do Padroado da Cultura.

A tempada reunirá nomes coñecidos da escena estatal, compañías galegas consolidadas e novos proxectos, ademais de propostas de teatro, música, danza e circo dirixidas a públicos diversos.

Entre os nomes máis destacados atópase Aitana Sánchez-Gijón, protagonista de Malquerida, que chegará ao escenario os días 16 e 17 de outubro. Tamén estarán María Galiana, no elenco de Yo solo quiero irme a Francia o 13 de novembro, e Pepón Nieto, que protagonizará La pasión infinita o 21 de novembro.

O teatro galego terá unha presenza destacada ao longo da programación. Morraoconto abrirá a tempada o 26 de setembro con Tromsø, mentres que Talía Teatro presentará o 3 de outubro Artur Ui, o ovo da serpe, dirixida por Quico Cadaval.

O calendario inclúe tamén tres estreas absolutas. Curie, ou a simetría dos fenómenos físicos, de Empatía Teatro, poderá verse os días 6 e 7 de novembro. A compañía naronesa Teatro Ghazafelhos estreará Panxea o 29 de novembro, e Caramuxo Teatro presentará Formas o 15 de novembro, unha proposta destinada á primeira infancia desde os tres meses.

A programación contará tamén con Memorias dun neno labrego, de Contraproducións, baseada na novela de Xosé Neira Vilas.

O apartado musical incluirá a presentación en Narón de Tertúlia, novo disco de Fillas de Cassandra, o 31 de outubro. Ao longo dos meses tamén pasarán polo Pazo Juan Deive, coa proposta Invierno Rubí; Simply the Best, un tributo a Tina Turner; De Vacas, cun espectáculo sinfónico polo seu décimo aniversario; New Orleans Gospel Choir, con Mardi Jass Party, e o pianista cubano Iván «Melón» Lewis, xunto a The Cuban Swing Express.

A danza e o circo contemporáneo estarán representados por Anónimos, da compañía Rauxa, e Compaña, de Xampatito Pato, que combina circo e marionetas.

No ámbito internacional, a compañía arxentina Criolla chegará o 24 de outubro con Sueño, unha versión de Soño dunha noite de verán, de Shakespeare.

O programa completarase con outras propostas como os tributos musicais de The New Experience Revolution Tour, dedicado a ABBA, e El Cascanueces, de Classic Stage.

Toda a información sobre entradas, horarios, prezos e condicións de acceso pode consultarse na web e nas redes sociais do Padroado da Cultura.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *