Ferrol y ComarcaNarón

Narón mantén aberta a matrícula das Escolas Culturais

Sabela Arredondo García | 09/09/2026

Danza tradicional, teatro, debuxo, gaita ou bailes de salón forman parte da oferta das Escolas Culturais Municipais de Narón para o curso 2026/2027, cuxo prazo de matrícula permanecerá aberto ata o 26 de setembro.

A programación abrangue diferentes idades e divídese en varias áreas. Dentro das ensinanzas tradicionais será posible aprender danza tradicional, canto e pandeireta a partir dos 5 anos, mentres que gaita e percusión tradicional están dispoñibles desde os 6. Para os máis pequenos, de 3 e 4 anos, ofértase o Recuncho dos Pequechos.

Acordeón e zanfona poderán cursarse desde os 8 anos e construción de instrumentos, a partir dos 16. Na vertente artística incorpóranse teatro desde os 4 anos e debuxo desde os 6, aos que se suman os bailes de salón, tamén desde os 4 anos, e a Escola de Actores e Actrices, destinada a maiores de 16.

Con carácter xeral, a matrícula custa 70 euros por curso. Na Escola de Actores e Actrices, o primeiro curso e o Practicum manteñen ese importe, mentres que segundo e terceiro teñen un prezo de 220 euros. Para bailes de salón establécese unha matrícula de 35 euros máis unha cota mensual de 18 euros.

Quen formalice tres ou máis matrículas poderá solicitar o fraccionamento do pagamento, unha opción dispoñible tamén para as unidades familiares que acumulen tres ou máis inscricións. Nestes casos poderá aboarse o 50 % no momento de formalizar a matrícula e o restante entre o 1 e o 15 de decembro.

As inscricións deben realizarse nas oficinas do Pazo da Cultura de Narón, de luns a venres entre as 9:00 e as 13:30 e entre as 17:00 e as 19:00 horas. Os sábados, o horario será de 10:00 a 13:00.

Para ampliar información están dispoñibles o teléfono 981 391 144 e os correos electrónicos mc.blanco@naron.gal e i.lopez@naron.gal

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *