Narón ofrece apoio educativo desde Infantil ata FP Básica
Andrea García García | 09/09/2026
O Concello de Narón abre este mércores o prazo de inscrición para tres programas de apoio educativo incluídos na oferta municipal para o curso 2026-2027. Trátase de Escolas de Familia, Reforza TIC e Sementando Futuro, propostas xestionadas a través do Servizo Sociocomunitario Municipal e destinadas a acompañar familias e alumnado desde Educación Infantil ata ESO e Formación Profesional Básica.
Escolas de Familia propón un espazo de reflexión e formación para os membros da unidade familiar. As sesións combinarán participación, obradoiros vivenciais e dinámicas de coaching educativo para abordar cuestións como o acompañamento escolar desde casa, os riscos dixitais, a saúde emocional, o benestar familiar, a diversidade e a inclusión.
Para o primeiro nivel de Educación Infantil formarase un único grupo, cun horario de mañá ou tarde en función da demanda. No resto de niveis educativos haberá grupo de mañá e de tarde.
O obradoiro Reforza TIC está destinado ao alumnado de Educación Primaria. O programa empregará ferramentas dixitais interactivas para traballar competencias básicas como a comprensión lectora, o cálculo mental e a expresión escrita.
Tamén se abordarán habilidades dixitais, técnicas de estudo, organización e traballo colaborativo, promovendo un uso responsable e crítico da tecnoloxía.
Sementando Futuro é un programa de reforzo educativo para menores en situación de exclusión social escolarizados en ESO e FP Básica. A proposta terá unha dedicación de dúas horas semanais e ofrecerá un espazo de acollida e acompañamento.
O programa combinará reforzo das competencias básicas, desenvolvemento de habilidades persoais e sociais e acompañamento emocional, xunto con actividades lúdicas e creativas.
As persoas interesadas poden solicitar información e formalizar a inscrición a través do Servizo Sociocomunitario Municipal, no teléfono 981 33 77 00 (extensións 1122, 1108 e 1109) ou no correo electrónico omix@naron.gal.