Uncategorized

O pleno de Narón aproba os festivos locais de 2027 e varias actuacións de interese municipal

Sabela Arredondo García | 31/07/2026

O pleno ordinario de xullo do Concello de Narón aprobou este xoves varios acordos, entre eles a declaración de especial interese das obras de mellora no CRA Domirón–A Faisca e no centro da Asociación Nosa Señora de Chamorro – O Val, o que permitirá aplicar unha bonificación do 95 % no Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO).

A sesión serviu tamén para fixar os festivos locais de 2027, que serán o 24 de xuño, coincidindo coa festividade de San Xoán, e o 23 de novembro, Día de Narón.

Outro dos puntos aprobados foi o convenio entre os concellos de Narón e Ferrol e Augas de Galicia para a explotación, mantemento e conservación de instalacións de saneamento e depuración compartidas polos dous municipios.

O pleno deu ademais luz verde a varios convenios de colaboración con entidades sociais, asociacións de nais e pais e centros educativos.

Mocións aprobadas

Na quenda de mocións saíron adiante varias propostas. Entre elas, unha iniciativa de Terra Galega e BNG para solicitar á Xunta a revisión dos criterios de adxudicación das prazas de comedor escolar.

Tamén foi aprobada unha moción do Partido Popular para mellorar a accesibilidade da piscina municipal do Couto, outra do BNG para impulsar a creación dun Centro de Información á Muller (CIM) no antigo centro de saúde e unha iniciativa para reclamar a adxudicación das vivendas protexidas vacantes das rúas Grove e Santa Tecla.

Pechou a sesión a aprobación dunha moción do PSdeG-PSOE orientada á modernización e mellora da sede electrónica do Concello.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *