Como inflúe a historia que contamos sobre nós na nosa saúde emocional?
Andrea García García | 11/10/2026

A forma de interpretar as experiencias persoais pode influír no benestar emocional. Este será o tema central da primeira conferencia do curso da Escola de Benestar de Narón, a cargo do psicólogo Javier Aznar, o sábado 17 de outubro, ás 11:00 horas, no Café Teatro do Pazo da Cultura. A entrada será gratuíta ata completar a capacidade do espazo.
Baixo o título «Contar a miña historia: por que a nosa narrativa pode enfermarnos e tamén curarnos», a charla abordará a relación entre os relatos que construímos sobre a nosa vida e a saúde emocional.
Aznar é psicólogo clínico, psicoterapeuta e supervisor, con formación de máster en terapia familiar, neurociencias e bioética. Está especializado na atención a persoas vítimas de violencia e dirixe na Coruña o Instituto de Psicoterapia Relacional e Narrativa (IPReNa), centrado no acompañamento de persoas que afrontan situacións de trauma relacional e duelo.
O seu traballo combina a psicoloxía narrativa coa teoría do apego. Desde esta perspectiva, as experiencias traumáticas nas relacións, especialmente durante a infancia e a adolescencia, poden dificultar a comprensión e a conexión dos acontecementos vividos. Recuperar a capacidade de contar a propia historia doutro xeito, nun ambiente seguro e con acompañamento, pode formar parte do proceso de recuperación.
A conferencia inaugura a programación deste curso da Escola de Benestar, unha iniciativa municipal que busca ofrecer espazos de encontro e reflexión arredor do coidado persoal e emocional.