Un ouro europeo con selo naronés
Andrea García García | 27/07/2026

O atleta do Atletismo Narón Pablo Vázquez Maiztegui vén de proclamarse campión de Europa Sub-18 dos 2.000 metros obstáculos tras conquistar o primeiro posto na competición celebrada en Rieti (Italia).
O deportista compartiu a súa experiencia co club e co Concello de Narón, onde explicou como viviu a carreira, o ambiente do campionato e as sensacións tras conseguir o título continental.
Vázquez estivo acompañado polo seu pai e adestrador, Carlos Vázquez, así como polo presidente do Atletismo Narón, Miguel Soto, e o director técnico, Manuel Polo.
Este novo logro chega tras unha tempada marcada polo esforzo e a constancia do atleta, que xa ten a vista posta no seu seguinte gran desafío: os Xogos Olímpicos da Xuventude, que se celebrarán en Dakar.
O éxito de Pablo Vázquez súmase tamén ao bo momento que atravesa o Atletismo Narón, único club galego clasificado nas categorías feminina e masculina para o Campionato de España Sub-16, que terá lugar o vindeiro 10 de outubro.