Xogos e probas para achegar o consumo responsable á rapazada de Narón
Andrea García García | 22/08/2026

Cartel Veráns lecer consumo. Fuente: Concello de Narón.
A Biblioteca Municipal de Narón acollerá o próximo venres 28 de agosto dúas actividades gratuítas do programa «Veráns de Lecer Consumo», impulsado pola Xunta de Galicia a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC). As propostas están dirixidas a nenos e nenas de 3 a 12 anos e combinarán xogo e participación para abordar cuestións relacionadas co consumo responsable, os dereitos das persoas consumidoras e usuarias e o lecer activo.
Ás 11:00 horas comezará «Xogueteando: un lecer diferente!», destinada a rapazada de 3 a 6 anos. A actividade empregará xogos alternativos e colaborativos para descubrir diferentes formas de practicar un consumo responsable e gozar dun lecer activo. Tamén se traballará sobre a importancia de contar con xoguetes seguros e sen riscos.
A partir das 12:30 horas será a quenda de «A xincana do consumo responsable», para participantes de 7 a 12 anos. Os grupos deberán superar distintas probas relacionadas co consumo responsable, sostible e consciente, mentres coñecen os seus dereitos como persoas consumidoras e usuarias.
Para participar será necesario ter o carné da biblioteca e cumprir coa idade establecida para cada actividade. A reserva de praza poderá realizarse desde o luns 24 de agosto ás 18:00 horas, de forma presencial na biblioteca ou chamando ao 981 38 21 73, dentro do horario de apertura.
Todos os nenos e nenas participantes deberán permanecer acompañados por unha persoa adulta durante toda a actividade.