Ares impulsa melloras no Club de Tenis de Redes e no Club Marítimo de Caamouco
Sabela Arredondo García | 16/07/2026

Dúas instalacións deportivas da parroquia de Caamouco serán obxecto de actuacións nos próximos meses. O Concello de Ares anunciou a licitación do proxecto para construír un novo edificio no Club de Tenis de Redes e confirmou tamén a concesión dunha subvención destinada a mellorar o Club Marítimo de Redes.
No caso do Club de Tenis, a actuación permitirá crear un novo espazo con ximnasio, vestiarios e unha sala de usos múltiples con capacidade para arredor de 47 persoas. O proxecto inclúe tamén almacén, cuarto de instalacións e outras dependencias auxiliares pensadas para reforzar tanto a actividade deportiva como a celebración de actividades sociais.
O investimento previsto rolda os 250.000 euros, financiados pola Deputación da Coruña, o Concello de Ares e o propio Club de Tenis de Redes.
Pola súa banda, o Club Marítimo de Redes recibirá preto de 40.000 euros para executar distintas obras de conservación no edificio. Os traballos centraranse na reparación das filtracións de auga que afectan á sede, mediante actuacións na cuberta, a terraza e as fachadas exteriores de madeira, ademais da substitución de varios elementos deteriorados.
En conxunto, ambos proxectos mobilizarán máis de 290.000 euros e permitirán renovar dúas infraestruturas de referencia para a práctica deportiva e a actividade social en Caamouco.