Un estudo analizará a oferta de lecer infantil en galego
Sabela Arredondo García | 19/10/2026
Que opcións teñen as familias para acceder a libros, actividades e outros produtos de lecer en galego? Esta é unha das cuestións que abordará un novo estudo impulsado por Alingua e o Consello da Cultura Galega (CCG), no marco dun acordo de colaboración para promover o uso da lingua.
A investigación, desenvolvida polo Observatorio da Cultura Galega, analizará a oferta e a demanda de produtos e servizos en galego destinados á infancia, co obxectivo de coñecer as necesidades das familias e identificar posibles carencias.
Como primeira actividade, o 7 de novembro celebrarase en Santiago de Compostela un encontro con familias do programa Apego. Durante a xornada, as persoas participantes compartirán as súas experiencias sobre o uso do galego nas actividades cotiás e de lecer.
Entre os aspectos que se analizarán figuran a dispoñibilidade, o prezo, a calidade e a adecuación á idade dos produtos e servizos existentes.
Posteriormente, realizarase unha consulta en liña para ampliar a información recollida. Os resultados permitirán identificar as principais necesidades das familias e trasladalas ao sector produtor e empresarial.
Esta iniciativa forma parte dun protocolo de colaboración entre Alingua e o Consello da Cultura Galega que tamén contempla a organización de actividades culturais, a elaboración de materiais didácticos e divulgativos e o desenvolvemento de investigacións relacionadas coa situación da lingua.
Narón participa en Alingua a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, formando parte dunha asociación constituída en 2019 para coordinar iniciativas que favorezan o uso do galego.